Sede electrónica Concello de Sada

14:27:59 Martes 20 de outubro 2026

Información

Secretaría

30/09/2026

Aprobación inicial da modificación do Regulamento especial de honras e distincións

EXP: 2025/G014/000001

MARÍA DEL CARMEN SEOANE BOUZAS, secretaria do Concello de SADA (A CORUÑA),

CERTIFICO: Que o Concello Pleno, na súa sesión ordinaria do 27 de agosto de 2026 adoptou, entre outros, o acordo que a continuación se transcribe literalmente na súa parte dispositiva:

<<2.º Modificación do Regulamento de honras e distincións

Primeiro.- Aprobar inicialmente a modificación do Regulamento especial de honras e distincións do Concello de Sada, que queda redactado como segue:

«REGULAMENTO ESPECIAL DE HONRAS E DISTINCIÓNS DO CONCELLO DE SADA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Entre as facultades que a lexislación de réxime local recoñece ás entidades públicas, atópase a de premiar especiais merecementos ou servizos extraordinarios prestados á comunidade por persoas, entidades ou institucións.

O Concello de Sada, consciente da importancia de promover a acción cultural e social e logo de contemplar ao longo dos anos numerosas personalidades que naceron, viviron ou viven nesta cidade ou municipio, escenario da súa obra e do seu legado, patrimonio intelectual, artístico, cultural, deportivo etc., considera que é necesario recoñecer talentos de onte e de hoxe, embaixadores de Sada alá onde as súas obras ou accións chegan, polo que nomeadamente crea a distinción Medalla de Sada «Mimina», en recoñecemento á artista e empresaria sadense dona Carmen Arias, coñecida como Mimina, e en xeral actualiza o contido do seu Regulamento especial de honras e distincións para premiar especiais merecementos ou servizos extraordinarios prestados ao municipio.

A concesión de honras e distincións, polo seu carácter de recoñecemento público e xeral de toda unha colectividade, debe basearse en criterios de ponderación e prudencia e procurar o consenso político e cidadán co obxectivo de que as ditas honras e distincións non sexan percibidas como un acto partidista, senón como un verdadeiro sentir da sociedade cara a cadaquén que contribuíu ao seu progreso, cultura ou benestar.

Este regulamento fundaméntase na Lei 7/1985, de Bases de Réxime Local e no Regulamento de Organización e Funcionamento (ROF), e establece unha canle administrativa transparente e rigorosa para que os actos de recoñecemento estean debidamente motivados.

Todas as honras e distincións reguladas nesta norma teñen un carácter meramente honorífico, sen que poidan supoñer dereito económico nin administrativo ningún, máis alá do prestixio e a consideración da colectividade.

CAPÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1. Obxecto e persoas destinatarias

Este regulamento ten por obxecto regular a concesión de honras e distincións por parte deste Concello ás persoas físicas ou xurídicas como recoñecemento público por accións desenvolvidas dentro ou fóra do termo municipal que se consideren méritos extraordinarios, servizos destacados ou achegas singulares en beneficio do municipio, por contribuíren e destacaren coa súa obra ou traxectoria a enriqueceren o patrimonio intelectual, artístico, cultural, deportivo etc. e a desenvolveren o municipio ou realzaren o nome de Sada.

Poderanse outorgar estes recoñecementos ás persoas maiores de idade vivas, ou a título póstumo cando proceda, colectivos, entidades ou institucións con personalidade xurídica, tanto públicas como privadas. Non se poderán conceder honras nin distincións a membros da Corporación ou a persoal municipal en activo do propio Concello, co gallo de garantir a obxectividade e o prestixio dos ditos recoñecementos.

Artigo 2. Natureza formal ou protocolaria

Todas cantas honras e distincións se regulan neste regulamento son de carácter exclusivamente formal ou protocolario de seu, sen que a súa concesión outorgue dereito a retribución económica ningunha nin preferencia no acceso a empregos ou servizos públicos.

CAPÍTULO I. Clases e procedemento

Artigo 3. Clases de honras e distincións

1.- As honras son recoñecementos que poderán conferirse para premiar a virtude exemplar de traxectorias persoais sostidas no tempo de especial merecemento ético e moral relacionados co municipio ou o Concello, segundo se relacionan:

1.ª Título de Fillo Predilecto de Sada

2.ª Título de Fillo Adoptivo de Sada

3.ª Nomeamento de Membro Honorario da Corporación

2.- As distincións son recoñecementos que poderán conferirse para premiar a excelencia por un destacado labor, especial merecemento ou servizo extraordinario relacionado co municipio, segundo se relacionan:

1.ª Fillo distinguido de Sada

2.ª Visitante distinguido

3.ª Medalla de Sada «Mimina»

4.ª Designación de vías públicas, complexos urbanos ou instalacións públicas co nome de persoas vinculadas ao municipio, recoñecendo así especiais merecementos ou servizos extraordinarios. Non é incompatible con calquera das outras honras e distincións

Artigo 4. Xeneralidades do procedemento e réxime de adopción de acordos

A concesión será discrecional e efectuarase en función das accións de relevancia e transcendencia efectuadas e das circunstancias que concorran en cada caso.

As honras e as distincións serán outorgadas por acordo plenario, logo da proposta efectuada pola Comisión de Valoración regulada no artigo 9. Para o seu outorgamento ou revogación, quer para os casos de fillo predilecto ou adoptivo de Sada, será necesaria a maioría absoluta do número legal de membros da Corporación; quer para as demais categorías recoñecidas neste regulamento, rexerá o réxime xeral da maioría simple. Requiriranse cadansúas maiorías para o caso das propostas da Comisión de Valoración.

Artigo 5. Candidaturas

As candidaturas poderán propoñerse directamente por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como por calquera Administración Pública que considere relevante e oportuno destacar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución polo seu traballo e sempre que teña cabida no obxecto destas bases.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes irán dirixidas ao Pleno do Concello de Sada, indicando os datos da persoa física, colectivo, entidade ou institución a favor da cal se promove a concesión da honra ou distinción, e presentaranse preferiblemente por vía electrónica, rexéndose polo establecido na Lei de procedemento administrativo.

Artigo 7. Prazo para presentar solicitudes

O prazo para presentar solicitudes comezará o día 15 de xaneiro e rematará o día 15 de maio de cada ano natural.

Artigo 8. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas e fundamentadas, polas que se promove a concesión á persoa, colectivo, entidade ou institución proposta.

b) Documentos acreditativos dos méritos expostos, que permitan efectuar a correspondente comprobación.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falla, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, antes de formular a proposta de resolución.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. Para tramitar a proposta de concesión dos recoñecementos regulados nestas bases créase unha Comisión de Valoración, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: A Alcaldía.

b) Vogalías: Unha persoa en representación de cada un dos grupos políticos municipais.

c) Secretaría: Unha persoa funcionaria do Concello de Sada, que actuará con voz pero sen voto.

2. Na composición da Comisión de Valoración procurarase respectar o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 10. Proposta de resolución

1. Após da análise e do estudo das solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración, de consideralo necesario, poderá requirirlles ás persoas solicitantes a información complementaria que precise.

2. Rematada a valoración das solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración elevaralle unha proposta ao Pleno, a quen lle corresponderá adoptar a decisión de outorgar os recoñecementos propostos pola dita Comisión.

Artigo 11. Libro de rexistro

1.- Un extracto dos acordos do Pleno outorgando calquera das honras ou distincións citadas deberá inscribirse nun libro de rexistro, que estará a cargo da persoa titular da Secretaría do Concello. O libro de rexistro estará dividido en sete seccións, unha para cada unha das recompensas establecidas neste regulamento.

2.- En cada unha das seccións anteriores inscribiranse, por orde cronolóxico de concesión, os nomes e circunstancias persoais de cada un dos galardoados, a relación de méritos que motivaron a concesión, a data desta e, de ser o caso, a do seu finamento.

Artigo 12. Acto de entrega

As honras e distincións concedidas entregaranse, cando proceda, no Salón de Sesións do Concello ou no espazo que propoña a Comisión, o día 16 de agosto, con asistencia voluntaria dos concelleiros da Corporación e aquelas autoridades e representacións que se estimen pertinentes, atendidas as circunstancias de cada caso.

Artigo 13. Revogación

O Pleno poderá revogar as distincións que son obxecto deste regulamento, coa conseguinte cancelación do asento no libro de rexistro, calquera que sexa a data en que foran conferidas, a quen incorra en faltas que aconsellen esta medida extrema.

O acordo da Corporación no que se adopte esta medida irá precedido do correspondente expediente cos mesmos trámites e requisitos que para o seu outorgamento.

Artigo 14. O Rei

As honras que a Corporación poida outorgar ao Rei non requirirán outro procedemento que a previa consulta á Casa da Súa Maxestade o Rei e en ningún caso se incluirán no cómputo numérico que como limitación establece este regulamento.

CAPÍTULO II. Títulos de fillo predilecto e de fillo adoptivo

Artigo 15.

1.- A concesión do título de honra de fillo predilecto de Sada Constitúe a maior distinción outorgada polo Concello e outorgarase aos nados no municipio que polas súas destacadas condicións persoais ou méritos sinalados, e singularmente polos seus servizos de beneficio, mellora e honra en Sada, e tivesen acadado tan alto prestixio e consideración xeral tan indiscutible no concepto público.

2.- A concesión do título de honra de fillo adoptivo de Sada poderá outorgarse ás persoas non nadas no municipio que leven empadroados en Sada por un tempo superior a 15 anos e reúnan as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior.

3.- Tanto o título de fillo predilecto como o de fillo adoptivo poderán ser concedidos a título póstumo.

Artigo 16.

1.- Os títulos de fillo predilecto e adoptivo, ambos de igual rango, constitúen a maior distinción do Concello, polo que a súa concesión farase sempre utilizando criterios moi restritivos.

2.- Os títulos anteriores terán carácter vitalicio e, unha vez outorgados tres para cada un deles, non poderán conferirse outros mentres vivan as persoas galardoadas, a menos de que se tratase dun caso moi excepcional, a xuízo da Comisión de Valoración, que haberá declarar esa excepcionalidade previamente e por maioría absoluta dos presentes.

Artigo 17.

1.- A proposta de concesión dos títulos de fillo predilecto e de fillo adoptivo pola Comisión de Valoración farase após a tramitación do correspondente expediente no que deberán quedar acreditados os merecementos que xustifiquen estas honras.

2.- Acordada a concesión de calquera dos dous títulos anteriores, a Corporación municipal fará entrega á persoa galardoada en sesión solemne do diploma e das insignias que acrediten a distinción o día 16 de agosto.

3.- O expresado diploma deberá estenderse nun pergamiño artístico e conterá de maneira moi sucinta os merecementos que xustifican a concesión. A insignia axustarase ao modelo que no seu día aprobe a Alcaldía, no que deberá figurar, en todo caso, o escudo do municipio, así como a inscrición de fillo predilecto ou de fillo adoptivo, segundo proceda.

Artigo 18.

As persoas ás que se lles concedan os títulos de fillo predilecto ou de fillo adoptivo do municipio terán dereito a acompañar á Corporación municipal nos actos ou solemnidades a que concorran, ocupando o lugar que para iso lles estea sinalado.

Para os efectos, a Alcaldía dirixirá aos interesados unha comunicación oficial na que se lles indique o lugar, data e hora da celebración do acto ou solemnidade, participándolles a invitación a asistir.

CAPITULO III. Nomeamento de membro honorario da Corporación

Artigo 19.

1.- O nomeamento da honra de alcalde ou concelleiro honorario do Concello de Sada poderá ser outorgado a personalidades españolas ou estranxeiras, xa como mostra da alta consideración que merecen, xa como correspondencia a distincións análogas de que fosen obxecto a Corporación ou autoridades municipais.

Non poderán outorgarse novos nomeamentos mentres vivan tres persoas que teñan o Título de Alcalde/esa Honorario/a o dez que ostento Título de Concelleiro/a Honorario/a

Para os conceder a estranxeiros requirirase autorización expresa do Ministerio para as Administracións Públicas, previo informe de Asuntos Exteriores.

2.- Non poderán outorgarse novos nomeamentos dos expresados no número anterior mentres vivan tres persoas que sexan alcaldes honorarios ou seis que recibisen o título de concelleiro honorario.

Artigo 20.

1.- A proposta de concesión da Comisión de Valoración poderá facerse con carácter vitalicio ou por prazo limitado, polo período que corresponda ao cargo de que se trate.

2.- Acordada a concesión destas distincións, procederase á entrega á persoa galardoada de diploma e insignias, que neste caso consistirán nunha medalla idéntica á que usa o alcalde ou os concelleiros, segundo o caso.

Artigo 21.

1.- As persoas ás que se lles concedan estes nomeamentos non terán ningunha facultade para intervir no goberno nin na administración municipal, se ben a Alcaldía poderá encomendarlles funcións representativas para se exerceren fóra do termo municipal.

2.- Nos demais actos oficiais que celebre o Concello ocuparán o lugar preferente que a Corporación municipal lles sinale e asistirán a eles ostentando a medalla acreditativa da honra recibida.

CAPITULO IV. Fillo distinguido e visitante distinguido

Artigo 22.

1.- A concesión de fillo distinguido de Sada é o Título honorífico outorgado a persoas nadas ou arraigadas en Sada polos seus méritos excepcionais en cultura, arte, ciencias ou sociedade. É una máxima distinción simbólica que recoñece unha traxectoria brillante.

2.- A concesión de visitante distinguido de Sada é a Distinción honorífica, protocolaria e académica ou gobernamental outorgada a estranxeiros ou personalidades de notorio prestixio (artistas, catedráticos, diplomáticos) que visiten ocasionalmente Sada, pola súa destacada traxectoria e contribución.

3.- Ambas as distincións materializaranse coa entrega de diploma ou pergamiño.

CAPÍTULO V. Medalla de Sada «Mimina»

Artigo 23.

1.- A Medalla de Sada, «Mimina», é unha Medalla ao Mérito Deportivo, Artístico ou Cultural que se crea como recoñecemento e estímulo a Personas físicas de Sada, que se distingan de forma eminente na práctica deportiva, artística ou cultural, na ensinanza das ditas áreas, ou que tivesen prestado eminentes servizos na súa investigación, difusión, organización e desenvolvemento.

2.- A medalla terá o carácter de condecoración, cun máximo de tres distincións anuais.

Artigo 24.

As medallas serán de porcelana de deseño sargadeliano con fita de seda de cor azul, con pasador do mesmo material que a medalla outorgada.

Artigo 25.

A Comisión de Valoración non poderá propor que se outorguen un número de medallas superior ao número máximo que se indica neste regulamento e poderá, se así o entende oportuno, deixar baleiras de proposta unha, varias ou a totalidade das condecoracións, no suposto de que as persoas físicas, colectivos, entidades ou institucións propostas non reúnan os requisitos ou non concorran as causas e circunstancias necesarias para o outorgamento, atendendo ao establecido nos artigos 2 e 3.

Artigo 26.

A concesión será acordada polo Pleno con base na proposta, que deberá realizarse nun prazo máximo de dous meses tras o peche das solicitudes, e publicarase na sede electrónica e no Boletín Oficial da Provincia.

Artigo 27.

As condecoracións outorgadas serán obxecto dun acto solemne de entrega o día 16 de agosto, co correspondente diploma acreditativo estendido en pergamiño artístico, contendo de maneira moi sucinta os merecementos que xustifican a concesión da medalla concedida.

CAPÍTULO VI. Designación de vías, complexos ou instalacións públicas

Artigo 28.

O Pleno da Corporación, no ámbito das súas competencias, poderá designar vías públicas, complexos urbanos ou instalacións municipais co nome de persoas vinculadas ao municipio, recoñecendo con iso especiais merecementos.

Disposición adicional única. Alcalde ou Alcaldesa Infantil.

O título de Alcalde ou Alcaldesa Infantil recaerá, todos os anos, nun neno ou nena escolarizado na localidade, en representación de todos os nenos e nenas de Sada.

As súas funcións serán as de trasladar á Corporación Municipal as necesidades, problemáticas e inquietudes dos escolares e representalos en actividades culturais e educativas e actos protocolarios.

2. O procedemento de selección realizarase en colaboración cos centros educativos da localidade, que elixirán, entre os alumnos e alumnas con idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos (6.º curso de ensinanza primaria), por votación secreta nas clases, a un ou varios representantes, que formarán a Corporación Infantil.

3. Os membros da Corporación Infantil así elixidos, votarán entre eles para proclamar de maneira unitaria ao Alcalde ou Alcaldesa Infantil, no transcurso dunha sesión de Pleno Infantil, convocada en datas próximas á conmemoración da Declaración Internacional de Dereitos do Neno e Nena. O mandato da Corporación Infantil terá unha duración correspondente ao ano escolar en curso, mentres que o mandato do Alcalde ou Alcaldesa Infantil prolongarase ata a designación dun novo Alcalde ou Alcaldesa Infantil.

4. Os atributos do Alcalde e de Alcaldesa Infantil son unha reprodución, reducida, do Bastón de Alcalde ou Alcaldesa de Sada, con empuñadura, borlas e o Escudo Municipal de ouro, que poderá conservar ao rematar o seu mandato, e un Diploma acreditativo. Todos os membros da Corporación Infantil recibirán un Diploma acreditativo do seu cargo.

Disposición transitoria primeira. Procedementos en tramitación

Os expedientes para a concesión de honras ou distincións iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento seguirán tramitándose pola normativa vixente no momento da súa incoación ata a súa resolución definitiva.

Disposición transitoria segunda. Mantemento e equivalencia das honras e distincións

  1. Considéranse plenamente válidas e ratificadas, para todos os efectos previstos neste regulamento, todas cantas honras e distincións que foron obxecto de concesión e exercicio efectivo con anterioridade á súa entrada en vigor, con independencia do órgano que as concedese no seu momento e de calquera posible deficiencia formal ou competencial no seu procedemento de orixe, sempre que fosen outorgadas en nome da institución e se teña constancia oficial.

  2. As persoas ou entidades galardoadas manterán o recoñecemento de todos os dereitos, tratamentos e prerrogativas que as normas e actos anteriores lles conferían. Para os efectos de protocolo e precedencias, as honras concedidas ao abeiro de normativas e actos anteriores entenderanse equivalentes ás categorías reguladas neste texto, atendendo á súa natureza e grao.

  3. Para o caso en particular das medallas unifícanse as dúas categorías anteriores de ouro e prata, pasando a ter en ambos os casos a equivalencia coa Medalla de Sada «Mimina» contida neste regulamento.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o Regulamento especial de honras e distincións aprobado polo Pleno o 30 de abril do 2004, así como calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ao disposto neste regulamento.

Disposición final primeira. Competencia

Este regulamento especial dítase ao abeiro da potestade regulamentaria e de autoorganización recoñecida pola LRBRL e nomeadamente dos artigos 189 a 191 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

Disposición final segunda. Habilitación normativa

Facúltase ao alcalde para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste regulamento no que se refire ao deseño e características da medalla, das placas e dos diplomas acreditativos.

Disposición final terceira. Entrada en vigor

Este regulamento, que consta de vinte e oito artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións finais, entrará en vigor o día seguinte da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días a que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local».

Segundo.- Someter a trámite de información pública e audiencia dos interesados, por prazo de 30 días dende a publicación de extracto do acordo no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello, para poder presentar reclamacións e suxestións, entendéndose aprobada definitivamente a modificación se non se producisen>>.

__________________________________

E para que conste e produza os efectos oportunos expido esta certificación, asinada dixitalmente, co visado do alcalde, Óscar Benito Portela Fernández, sen prexuízo dos termos que resulten da aprobación da acta correspondente, en Sada, o 28 de agosto de 2026.


Xustificantes de Publicación: